Onde estamos

O Concello de Laza atópase ao sur da provincia de Ourense, lindando cos Concellos de Castrelo do Val, Chandrexa de Queixa, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso e Sarreaus. As súas terras están bañadas polo río Támega e os seus afluentes río Cabras e río Codias, así como un sen fin de regatos favorecidos pola orografía montañosa. Cunha superficie de 216,38 kilómetros cadrados é un dos Concellos máis grandes da provincia.

No Concello distinguimos dúas zonas, unha montañosa e outra que é o Val do Támega. A montañosa está formada polas serras de San Mamede, Serra do Invernadeiro (Espazo Protexido), o Fial das Corzas, os Montes de Meda, etc.

Podemos practicar os deportes da caza, sendeirismo, mountain bike; ou ben recoller os tan saborosos cogomelos dos innumerables pinares. Pola contra, no val atoparémosnos cos prados verdes regados pola augas do Tamega e os seus afluentes e regueiros, onde o deporte da pesca daravos bos momentos de ledicia.