A ruta comeza á beira da piscina fluvial de Laza, no entorno coñecido como " O Regueiro Seco". Comezamos pola pista de terra, subindo cara ás Borreas. Tras 200 m continuamos pola dereita, deixando a forte pendente da esquerda - onde está situada a casa rural "O Boutallón"-.
A medida que collemos altura temos unha panorámica da zona de recreo así como dalgúns dos poucos viñedos que quedan en Laza. Seguindo a serpenteante pista, chegaremos a un novo cruzamento de camiños. Seguimos polo da dereita.
A partir de aquí o camiño é unha pendente máis moderada. Pronto nos achegamos aos piñeirais da Armada. No seguinte cruzamento que nos atoparemos ( a 2,5 km aprox.) continuamos polo da esquerda. Os piñeirais centenarios e o son do bosque amenízannos o percorrido. Na outra vertente da montaña pode verse a Pista do Marroquí.
Continuamos ascendendo deixando o camiño que sae novamente á esquerda e seguindo paralelos ao río.
Tras un monótono subir, chegaremos ao alto de Correchouso ( 7 km aprox.). A partir de aquí seguiremos pola esquerda pola estrada, que é a que nos conduce a Laza. Á dereita pronto veremos o pobo de O Navallo. Antes de que a estrada inicie unha forte baixada, localizaremos un camiño que sae á esquerda. Tomaremos este e así empezaremos de novo a ascender de xeito progresivo.
Chegaremos ao Alto do Lastredo (783 m). Pronto o camiño comeza a baixar de novo cara o Barranco da Armada. Tralo forte descenso, chegaremos de novo ao cruzamento co camiño de subida. Desde aquí, seguindo pola dereita, regresaremos polo camiño inverso ata a Piscina Fluvial de Laza. |